Monday 29 de April de 2024

Aprobada unha oficina de información catastral no concello de Riveira que atenderá aos veciños dúas veces ao mes


As xestións realizadas polo Concello de Riveira para que o noso municipio poida contar cunha Oficina de Atención e Información Catastral ao Cidadán veñen de frutificar e na última xunta de goberno local resultou aprobada a habilitación deste servizo, de xeito que os veciños do municipio poidan facer as consultas e trámites necesarios respecto a este rexistro sen ter necesidade de desprazarse ata a cidade da Coruña como sucede ata agora.

A tal efecto, persoal especializado comezará a desempeñar en breve este servizo, consistente na atención veciñal durante dous días ao mes nas dependencias do Concello subministrando aos cidadáns toda a información catastral que precise. Así, dito persoal facilitará información sobre os criterios, módulos, coeficientes e táboas de valoración aplicados ás fincas, así como os datos que lles serven de base. Tamén recabará información e recollerá recursos, altas, cambios de dominio ou reclamacións presentadas polos titulares catastrais e os documentos acreditativos da existencia do erro que se tivera detectado. Facilitaranse para todos os trámites os impresos adecuados da Xerencia Rexional do Catastro de Galicia-A Coruña para a súa correspondente tramitación e resolución.

O servizo será desempeñado pola empresa Eibisa Norte, S.L., entidade que se vén de ocupar por encargo da Deputación Provincial da actualización catastral de 75 concellos da provincia, Riveira entre eles, sendo coñecedora por tanto da realidade catastral do noso termo municipal.

Inicialmente a duración deste servizo é por un ano que se podería prolongar dependendo da resposta veciñal a este novo servizo.